¿Qué ver no concello de Santiso?

Os nosos castros… 

En total, en Santiso contamos con 14 castros catalogados. O conxunto castrexo de Santiso é bastante variado, desde castros situados nun outeiro ou a media ladeira; grandes como o de San Román, ou pequenos como o das Seixas. Cunha densidade que enche todo o territorio, son testemuñas do pasado castrexo e orixe de moitas aldeas.

Castro de San Román

É o único castro do Concello que pode visitarse e apreciarse claramente a súa estrutura, pois é o mellor conservado. Entrando pola porta sur oeste accédese a unha superficie chan duns 9000m2 dentro dos muros e foxos, o que se chama croa, ou zona fortificada. Non está escavado polo que non poden apreciarse construción como se ven noutros recintos musealizados.

castro de san roman de Santiso

Castro de Novela

Ten un tamaño similar ao de San Román no que aínda se aprecian os seus muros defensivos. Sobre o terreo está cuberto de árbores pero pode apreciarse a súa forma circular.

O Castro de Serantes

Asociadas a este castro hai varias mámoas, tratándose posiblemente dunha das máis grandes do territorio galego.  Esta mámoa mide 40 m. de diámetro e ten unha altura que pasa dos 4 m. Presenta un amplo cono de violación central, que era por onde se tentaba entrar en busca do ouro, ou con máis frecuencia, para aproveitar as pedras. Non se observan estruturas de pedra en superficie. Datouse entre os anos 3500 – 2200 a.C

restos castros de Santiso
Algúns dos restos arqueolóxicos dos castros de Santiso pódense contemplar no Museo da Terra de Melide

A nosa arquitectura civil… 

Ademais dos xacementos prehistóricos, dentro das construcións non relixiosas, as que máis abondan son os pazos e casas de fidalgos ou de labranza, e algunhas outras asociadas como hórreos ou pombais. No concello contamos con 6 pazos e 36 casas de fidalgos, reitorais ou de labranza consideradas patrimonio.

Resalta a importancia nestas terras da cantidade de familias nobres, aínda que moitas foran de segunda categoría, os chamados fidalgos. Os grandes señores cedían terras a estes fidalgos, que vivían das rendas que obtiñan do campesiñado e artesáns por arrendo ou outros acordos. Entre os pazos máis salientables atopamos:

Pazo de Vilar de Ferreiros

Esta construción resalta pola súa grandiosidade e elementos decorativos. Orixinalmente data do século XV e xurde dende unha torre de homenaxe, destinada á defensa, chegando finalmente tras unha serie de remodelacións á actual planta en escuadra.

pazo Vilar de Ferreiros en Santiso
Pazo de Vilar de Ferreiros en Santiso

O edificio está cerrado por unha muralla con portalón de estilo barroco: Ao lado, atopamos unha pequena capela. Dende a súa construción e até mediados do século XX, estivo vinculado ás familias Soutomaior e Pimentel.

capela pazo Vilar de Ferreiros en Santiso
Capela do pazo de Vilar de Ferreiros en Santiso

Pazo da Pena

Construído no século XVIII, representa un auténtico exemplo da arquitectura tradicional galega. Conserva o seu corredor cuberto, a alta cheminea coroada de pináculos e os muros encalados, dentro dunha extensa explotación agrícola, cun pombal circular e un hórreo con seis piares de pedra.

Pazo de Liñares

fronton triangular pazo de Liñares
Frontón Triangular do Pazo de Liñares

Con planta en forma de “L” é unha construción de feituras barrocas. Á súa parte nobre accédese dende unha escaleira exterior.

Destaca o portalón da entrada e o frontón triangular que hai encima deste, no que aparecen os escudos de armas dos propietarios do pazo.

Apréciase a “M” coroada dos Montenegro, os escaques e faixas dos Ulloa, o Castelo dos Varela e outros símbolos nobiliarios. Está a carón da pequena igrexa parroquial, antiga capela do pazo.

As nosas pontes…

Nunha terra de auga e ríos, non podemos esquecernos das pontes. Chegou a haber 12, 7 delas sobre o Ulla. Destas últimas desapareceron dúas e do resto so se mantén no seu estado orixinal a Pontenova.

A Ponte de Pontenova

Trátase dunha ponte monumental que se ergue sobre o Ulla. Foi construída no 1867, contando con tres arcos rebaixados, sobre piares semicirculares. Presenta unha tipoloxía típica desta época, semellantes ás pontes de Furelos, Moldes ou Trasmundi.

ponte da Pontenova en Santiso
Ponte da Pontenova en Santiso

Ponte de Mourazos

inscrición ponte de Mourazos
Inscrición en la latín na ponte de Mourazos

A actual Ponte de Mourazos cruza o río Ulla entre os concellos de Agolada e Santiso. A ponte actual é unha construción recente e no seu lugar non quedan restos do que puido ser a primitiva ponte levantada no século IX. Na beira sur, correspondente ó concello de Agolada, atopamos unha inscrición gravada nunha pedra, que na actualidade se atopa caída na beira do río.

Cando baixa o caudal é factible ver a súa inscrición en latín, cunha caligrafía moi ben executada: “Construíron esta ponte na era 900 e foi rematada o día dez das calendas de maio”. Trátase dunha das poucas inscricións deste tipo que se conservan en Galicia.

Os nosos hórreos… 

Dentro da nosa arte popular, unha das achegas máis significativas son os hórreos. De orixe moi antiga, o uso que se lles daba no concello era principalmente o de almacén dos diversos cereais e o de espazo para a curación e secado. Atópanse situados en lugares expostos á acción do vento e aparecen divididos en cámaras. En Santiso atopamos hórreos de toda tipoloxía, construídos de madeira, mixtos de madeira e pedra, o uso de pedra.

Hórreo de Barazón

É o hórreo máis antigo de Santiso do que sen constancia. Está presente en Barazón Grande e foi construído no 1793. Outros hórreos de Barazón, con data posterior, seguen este modelo, constituíndo un conxunto único na comarca. Son obras de bos talleres onde se nota a influencia das terras veciñas de Agolada, ricas en cantería e con bos canteiros, autores destes hórreos.     

Hórreo de Quinzán

hórreo de Quinzán
Hórreo de Quinzán en Santiso

É o máis longo da comarca, cunha lonxitude de 21 metros divididos en 7 estremas, columnas de pedra e madeira. Coloca do á beira da eira, onde hai un alto muro polo desnivel do terreo.

Hórreo de San Róman

Nesta parroquia, en Traseirexe, atopamos outro dos hórreos máis antigos do Concello, datado do ano 1808.

A nosa arquitectura relixiosa… 

Máis aló da importancia dos monumentos non relixiosos, Santiso é un concello cunha gran riqueza en monumentos relixiosos. Con 17 parroquias, cada unha delas ten o seu templo, máis 4 capelas, destacando as Igrexas de San Estevo de Pezobrés e San Pedro de San Román, sendo ambas románicas do S. XII-XIII. Na súa maioría e tamén asociados a Igrexas, hai 17 cruceiros catalogados.

Igrexa de Santa María de Barazón

De estilo barroco clasicista, data do ano 1891. É un edificio de planta rectangular formado por tres naves, o presbiterio e a sancristía. Conta cun retablo neogótico.

Igrexa de Santa María de Santiso

De planta rectangular e estilo barroco. Destaca nela o retablo que preside o altar maior, de estilo neoclásico e cunha policromía que imita ao mármore.

Igrexa de San Xoán de Visantoña

Edificio de planta rectangular e estilo barroco clasicista; conta con dous pequenos corpos engadidos aos muros da nave que cumpren as función de pequenas capelas. É interesante o retablo do altar maior composto por elementos neoclásicos.

Igrexa San Xoan de Visantoña
Igrexa San Xoan de Visantoña

Igrexa de Santa María de Vimianzo

É de planta rectangular, cunha soa nave e de estilo barroco. De escasa ornamentación e co chan de granito, pódese subliñar como un elemento singular a pila bautismal que conta cos balaústres de madeira tallada.

Igrexa de San Pedro de San Román

Construción que data do século XX e que substitúe a outra anterior románica. Cabe subliñar a presenza dun retablo situado no altar maior, polícromo e que trata de imitar ao mármore.

Igrexa de San Pedro de San Román
Igrexa de San Pedro de San Román

Igrexa de San Pedro de Belmil

Edificación de planta rectangular. A fachada conta cunha serie de elementos identificables co estilo barroco, ao que pertence esta igrexa. Destaca o seu retablo que e atopa no altar maior e que conta con elementos neoclásicos.

Igrexa de San Pedro de Belmil
Igrexa de San Pedro de Belmil

Igrexa de San Cristovo de Pezobre

De estilo barroco clasicista e con planta rectangular. Dispón dun retablo de trazas barrocas situado no altar maior.

Igrexa de San Cosme de Beigondo

De estilo barroco e planta rectangular con nave única, presbiterio e pequena sancristía. No presbiterio está situado un retablo neoclásico.

Igrexa de Santa Olaia de Rairiz

De escasa ornamentación é unha construción de planta rectangular na que se sitúan unha única nave e presbiterio.

Igrexa de Santiago de Liñares

Datada no ano 1792, de estilo barroco e planta rectangular. Destaca nela o retablo barroco situado no altar maior, policromado, e no que aparecen representados unha serie de escudos nobiliarios.

igrexa Santiago de Liñares en Santiso
igrexa Santiago de Liñares

Igrexa de Santo Estevo de Pezobrés

De estilo románico (Século XII) pero con modificacións feitas no século XIX. Presenta un interesante altar maior que conta con elementos neogóticos ao que acompaña outro, con elementos neoclásicos, situado no muro setentrional. Tamén é interesante un fragmento do estilo barroco localizado no muro meridional da nave.

Igrexa de Santa Olaia de Rairiz

De escasa ornamentación. É unha construción de planta rectangular na que se sitúan unha única nave e presbiterio.

Igrexa de San Xurxo de Mourazos

De estrutura rectangular, coa sancristía pegado ao seu muro setentrional. Destaca o retablo do altar maior, polícromo e datado no barroco final.

igrexa de San Xurxo de Mourazos
Igrexa de San Xurxo de Mourazos

Onde hoxe está emprazada a igrexa considérase que estivo emprazada a desaparecida torre de San Xurxo, pertencente ao conde Sancho de Ulloa e derrocada polos Irmandiños no ano 1467.

Igrexa Santa Olaia de Serantes

De planta rectangular e cunha única nave, presbiterio e sancristía situada detrás do anterior. Conta con pouca ornamentación, sobresaíndo o retablo neoclásico.

Igrexa de Santa María de Novela

Edificio de estilo ecléctico clasicista reformado no século XIX sobre unha base románica de principios do século XII.

En relación coas propias igrexas, Santiso é un concello rico en cruceiros, existindo 18 nas 17 parroquias. As súas función eran varias: relixiosa, protección das colleitas e do gando, marcar límites dun territorio…

Cruceiro de San Xoán de Visantoña

Situado nunha encrucillada cerca da igrexa, ten catro capiteis e un pequeno pousadoiro. O pedestal presenta catro caveiras e o capitel anxos.

cruceiro de San Xoan de Visantoña
Cruceiro de San Xoan de Visantoña

O noso patrimonio natural… 

Máis aló da arquitectura e a historia non podemos deixar de lado o espírito verde de Santiso: a súa natureza e patrimonio natural.

especies únicas en Santiso

O principal valor do concello é a Zona de Especial Conservación e Rede Natura Serra do Careón Río Furelos. É unha área de gran interese xeolóxico e dunha excepcional relevancia botánica

Un bo número de especies teñen aquí as súas únicas, ou case únicas poboacións galegas coñecidas, como é o caso de Aster aragonnensis. A umbelífera Eryngium viviparum, tamén en perigo en España, propia de empozamentos de carácter temporal, mantén un pequeno núcleo en Santiso.

entoloma santisense
Foto de Entoloma Santisense

Recentemente, atopouse na parroquia de Barazón unha nova especie de cogomelo que foi nomeado Entoloma santisense.

Neste punto non podemos esquecernos das fermosas vistas que nos ofrece o encoro de Portodemouros. Trala súa construción nos anos sesenta conformou na actualidade un espazo idóneo para o avistamento de certa fauna e flora endémica do Concello, ofrecendo tamén en determinadas épocas do ano vislumbrar os restos das aldeas somerxidas.

vista encoro de Portodemouros