¿Qué é Santiso en Pé?
Santiso en Pé é unha importante iniciativa que pon en marcha este grupo de goberno, cunha serie de medidas que teñen a finalidade de manter e atraer poboación ao noso Concello. Con ela búscase mellorar a calidade de vida dos que xa son os nosos veciños e veciñas e, ao mesmo tempo, impedir que as vivendas, granxas, montes e terras caian no abandono.
Pretendemos que os nosos veciños máis novos sigan mantendo a ligazón co seu concello sen perder o arraigo á súa terra, e creemos firmemente que é unha boa maneira de logralo e manterviva a granxa familiar, asfincas dos pais ou os montes dos avós.
¿Qué conseguiremos con estas medidas?
Mellorar a seguridade
Se hai casas habitadas e aldeas cheas de xente, éstas serán máis seguras para os que alí residen. Nunha aldea abandonada ou con pouca xente, os amigos do alleo e vándalos teñen máis doado facer estragos e roubos.
Servizos de calidade a prezos axeitados aos nosos veciños
Veciños xa asentados e os que están por chegar atoparán un sistema de mantemento e limpeza de vías dun concello punteiro.
A posta en marcha do novo sistema de aglomerado, pioneiro na comarca, fai que as nosas vías sexan seguras e permiten que os nosos veciños cheguen xeralmente aos seus fogares sen maiores contratempos.
A recollida de lixo, o sistema de recollida de voluminosos polas parroquias, o mantemento do alumeado público, o acondicionamento e conservación de campos, áreas e zonas verdes, e o arranxo e coidado de edificios públicos para o uso e goce dos veciños e veciñas de Santiso, fan do noso Concello un lugar ideal para desenvolver una vida feliz e en total harmonía coa contorna.
Servizos sociais
O desenvolvemento desta iniciativa leva consigo un aumento de horas adicadas á asistencia no fogar, sendo o concello da comarca que máis recursos inviste na atención dos residentes máis necesitados.
Asemade, investiremos máis recursos aos bancos de roupa e alimentos que xa existe neste Concello.
O agardado aumento da poboación fará posible manter un servizo tan importante coma este, e máis se temos en conta que a idade media dos santiseses e santisesas é elevada.
Aldeas máis vivas
Núcleos poboacionais con nenos e nenas, maiores e anciáns, con movemento diario e con actividade gandeira, agraria e forestal, farán de Santiso un referente na rexeneración do rural deste país.
Este Concello é un lugar único para vivir, pero aínda o é máis para ter unha segunda vivenda a un prezo razoable na que poder gozar do tempo de lecer, nos estíos ou tempos de ocio, ou mesmo cada fin de semana aproveitando unhas amplas ofertas lúdicas, de ocio e culturais que as administracións públicas ou asociacións veciñais ofrecen durante todo o ano.
Unha segunda vida
Coa creación do Rexistro de bens conseguiremos darlle unha vida máis ás casas que os nosos e nosas maiores deixen, manteremos vivas e con uso as granxas cando os gandeiros e gandeiras que se xubilen cesen coa actividade e darémoslle uso ás fincas que enchen os agros das dezasete parroquias, pois, de non facelo, en poucos anos estarán abandonadas e convertiranse nun potencial perigo para lumes e outros axentes nocivos.