É outono, é tempo de cogomelos!

Días atrás falábamos da gran cantidade de cogomelos que podemos atopar polas terras de Santiso, dentro de todos eles é obrigatorio mencionar o Entoloma Santisense, este cogomelo é endémico do noso concello, foi descuberto polo micólogo Xaime Blanco en novembro de 2016.
Xaime Blanco, presidente da Asociación Micolóxica Brincabois, é un erudito do tema, no seu currículo como micólogo atopou máis de corenta especies de cogomelos, a gran maioría deles en Galicia. Por iso é un pracer contar con el nesta xornada micolóxica. O obxectivo é atopar o Entoloma Santisense para que poidamos coñecelo e saber máis del, pero tamén servirá para axudarnos a aprender a identificar outra gran variedade de cogomelos que se atopan no noso concello.

Esta xornada micolóxica terá lugar o día 28 de novembro ás 10h, e quedaremos na igrexa de Barazón, parroquia na cal Xaime atopou o Entoloma Santisense, para comezar a buscar o noso cogomelo e aprender máis de outros tantos que poidan aparecer.

As inscricións para participar nesta xornada poden facerse ben mediante o teléfono do concello 981 81 85 01 ou no teléfono da Oficina de Turismo de Santiso 981 51 79 81, tamén podes enviar un correo electrónico cos teus datos persoais a turismo@santiso.gal, incluso podes mandarnos unha mensaxe privada mediante as nosas redes sociais. O prazo para anotarse está vixente ata o xoves 26 de novembro.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp