Coñecemos Santiso en coche

Santiso, é un Concello disperso ao igual que moitos en Galícia. Esta característica fai que teñamos que buscar a maneira de que veciños e turistas que nos visitan a diario poidan aproveitar o noso patrimonio natural e arquitectónico.
Creamos esta ruta para que en tres horas poidas coñecer o máis importante de Santiso, iso si, escollemos o patrimonio ao cal podemos chegar en coche.

Unha ferramenta nova coa que fomentamos o turismo neste municipio.

Os pasos a seguir son:
1- Descargar a APP «wikiloc» para o teu teléfono premendo AQUÍ

2- Acceder a esta ruta premendo AQUÍ

Información da ruta:

-km 0: Saída e chegada, Área recreativa de Barazón e Choren

-km 1: Pegado ao Rio chegamos ao Muíño da Laxe, tamén coñecido como Muíño do Mato.

-km 4: Neste punto, é imprescindible tomar un descanso nos Muíños Enmeigados. Desde alí mesmo podemos ir camiñando até o punto onde se xuntan as 3 provincias.

-km 7,5 até o 8: No monte de Barazón, atopamos a Santolina Melidense. Cando chegamos á aldea de Reboredo, podemos ver o Ídolo de Reboredo.

-km 10,5: Neste punto, podemos acceder a pista que nos leva a Cheminea dos Mouros, ao Xacemento e a Presa de Pita.

-km 11.5: Unha pista ao longo do Río Furelos fainos gozar da beleza do entorno dun río Galego.

-km 14: Collemos aquí unha estrada que nos achegará ao Hórreo de Quinzán, o patrimonio de San benito, á Fonte de Nosa Señora de Novela e ó Pazo de Liñares.

-km 22,7: Podemos coller a estrada que nos leva á parroquia de San Román e ir ver o Petroglifo que leva o nome desta parroquia.

-km 27,7: Chegamos a unha das partes máis fermosas desta ruta. Un pequeno sendeiro ao longo do regato que da nome aos Muíños do Tajo. Neste punto tamén podemos subir até a aldea do Ribeiro, onde atopamos as ruínas do Pazo de Ribeiro e as Mámoas do mesmo nome.

-km 30: Na aldea de Seoane, podemos tomar un descanso e repoñer forzas nos locais de hostalería e na área de descanso pegada a estrada. Seguindo a ruta pasamos ao lado do Pazo de Vilar de Ferreiros, se coincide con nivel baixo do encoro podemos ver a Ponte de Busel, oculta boa parte do ano polas augas do encoro de Portodemouros. Antes de coller a estrada xeral, atopamos á esquerda da nosa ruta o pequeno Muíño do Rego das Cabras.

-km 36,5: Chegados a este punto da ruta, podemos coller a pista que nos leva a Fonte Santa de Belmil. Unha fonte con historia en proceso de conservación.

-km 40,5: Imprescindible seguir a ruta marcada para chegar á aldea de Sanxurxo, desde a que seguiremos ao longo do río para chegar a Mourazos e se o nivel da auga o permite poder ver a inscrición medieval de Mourazos.

-km 45: Nos meses de verán, está aberto o Bar da Cornella. En calquera época do ano poderemos facer un descanso á beira do Río Ulla.

-km 48: A Pontenova, que lle da o nome ao Chanto e á Ponte Isabelina. Seguindo pola estrada vella pasamos ao lado dun pequeno lavadoiro na aldea de Chorén, chegando xa ao remate da nosa ruta.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp