Historia

No corazón de Galicia e entre ríos exténdese o Concello de Santiso, cunha orografía quebrada e formada por pequenos vales á beira dos regatos que desembocan no Ulla. Santiso ten una gran relevancia na historia da cartografía galega. En concreto, Santa María de Vimianzo foi un dos puntos nos que Domingo Fontán – ilustrado matemático, político e xeógrafo galego – fixo medicións para elaborar a súa carta xeométrica, considerada o primeiro mapa de Galicia.

mapa concello de Santiso

Os actuais concellos de Santiso, Sobrado e Toques formaron durante moitos séculos a terra e xurisdición de Abeancos, xa nomeada no 747 no Testamento do bispo Odoario de Lugo facendo referencia a “sacto Joanne de Besantoña”.

Xa no 1214, o rei Afonso IX, concederalle estas terras ao Arcebispado de Compostela. A xurisdición de Abeancos cedeuse por este á casa de Ulloa. Algunhas das parroquias de Santiso, as máis occidentais, quedaban fóra dela e pertencían á xurisdición de Boente, da casa de Altamira.

A constitución de 1812 supuxo a caída do Antigo Réxime e a implantación da administración municipal. Neste momento nace o municipio de Vilar de Ferreiros, que volverá desaparecer coa chegada ao poder de Fernando VII.

Xa no 1833 nace o Concello de Santiso, situándose a casa consistorial na casa da Pedreira, coñecida como Casa do Bachiller. Despois mudouse a Liñares onde comeza o Rexistro Civil no ano 1871. Tamén estivo na Casa de Outeiro de Pezobrés e na casa de Pena, na Brea, habilitada actualmente coma aula de exposicións, de conferencias e axencia de lectura do Concello de Santiso.

Algúns dos elementos máis relevantes da historia de Santiso teñen que ver coas comunicacións. O camiño vello ou camiño dos arrieiros de Santiso, entraba nas terras baixas deste concello polo lugar da Cornella, zona pola que cruzou a raíña Urraca co seu exército camiño de Santiago no 1115.

barcaza santiso

A primeira referencia a este camiño atópase nun tombo da Catedral de Lugo datado no 897. Neste documento, no que se trazan os límites do coto de Boente, fálase dunha “vereda” que pasa ao lado dunha pequena pena illada e una corrente de auga, ascendendo despois cara “Sancti Iacibi”, é dicir, Boente.

Trátase polo tanto, dun camiño xa documentado na alta Idade Media e que circula entre túmulos prehistóricos, seguindo un trazado que o caracterizou durante séculos.

Outro fito decisivo no concello foi a construción do encoro de Portodemouros entre 1964 e 1967 coa finalidade do aproveitamento hidroeléctrico. A súa enchente provocou o asolagamento das aldeas de Brocos en Agolada e Ribadulla en Santiso.

En maio do 1975 e tras unha orde ministerial, mandou poñer en funcionamento unha barcaza que unise as parroquias de Loño (Vila de Cruces) e Beigondo (Santiso), que segue en servizo na actualidade.

Esta foi a alternativa ofrecida aos veciños despois das protestas que estes, en plena ditadura franquista, emprenderon para que se solucionasen os problemas.

17 parroquias, ao redor de 118 aldeas e nun radio de 68 quilómetros cadrados conforman un entorno de gran riqueza paisaxística e histórica para os máis de mil seiscentos santiseses e santisesas que residen no Concello.