O Himno galego, coñecido coma «Os Pinos», é, xunto coa bandeira, un dos elementos máis emblemáticos da nosa identidade.
O 20 de decembro de 1907 foi interpretado por primeira vez en público no actual Gran Teatro de La Habana, daquela sede do Centro Galego da capital cubana. Tan magnífica composición de Eduardo Pondal e Pascual Veiga data do 1890 e foi executada pola Banda Municipal de La Habana nunha sesión na que se descubriu, asemade, un busto do propio Veiga envolto coa bandeira galega e na que se interpretaron outros temas que son referentes culturais aínda hoxe de todos os galegos e as galegas: a «Alborada» e «Unha noite na eira do trigo». A letra do poema de Pondal está profundamente arraigada nos ideais do Rexurdimento, que foi un movemento cultural e literario de finais do S. XIX que buscaba revitalizar a nosa lingua, a nosa cultura e as nosas tradicións, empregando un ton nacionalista e reivindicativo, moi propio da época. A obra converteuse case de inmediato no himno oficial en todas as festas do Centro Galego de La Habana. A primeira vez que se documenta a interpretación no interior de Galicia do futuro Himno Galego é en 1910 en Compostela, na Escola de Xordomudos e Cegos. A súa popularización nos anos seguintes foi moi rápida, executándose de forma pública no traslado dos restos de Pascual Veiga a Mondoñedo no 1912, e consolidándose especialmente a partir de 1916, nacemento das Irmandades da Fala, pois foron verdadeiramente as Irmandades as que, con absoluta consciencia, acolleron o himno de Pondal e Veiga e espallárono por todo o territorio galego a través de múltiples actos políticos. Xa, a posteriori, co tráxico golpe de estado do 18 de xullo e coa vitoria franquista na Guerra Civil, elimínase o Himno Galego do espazo público no interior do país, mais mantense na diáspora, no exilio e na emigración galega, é dicir, no mesmo berce que o viu nacer. Dicía Rosalía de Castro en Follas Novas: «Galicia está pobre,
e Habana me vou… Adiós, adiós prendas do meu corazón» e, efectivamente, moitos foron os novos fogares de acollida daqueles galegos e galegas que polo mundo adiante foron deixando pegadas da súa galeguidade mentres procuraban gañarse, con esforzos desmedidos, o pan.
Precisamente en La Habana aterraron no seu día veciños de Santiso na procura do seu sustento e coa ansia dunha nova vida alonxada da precariedade na que tiñan sumido ao país, mais tamén co corazón ferido por ter que para sempre despedilo. Estamos a falar, por exemplo, de Don Joaquín López Curros, fillo do fundador da Banda de Vilar de Ferreiros ou Banda de Visantoña, que foi un grande músico profesional e que formou parte no seu día da Banda de Santiago e da Banda Municipal da Habana, onde, como dicimos, interpretou nese ano de 1907 o Himno Galego que estaba daquelas aínda comezando a agromar. Estes veciños de Santiso e da Terra de Melide son parte da historia do noso país. E sono non só por ser unhas vítimas máis da diáspora galega, senón por ter participado, coma bos músicos que eran, da efeméride que aquí estamos a relatar.
Xentes de Santiso tocaron en La Habana por primeira vez, aquel 20 de decembro, o que logo se convertiría no noso Himno Galego.
Así pois, honrémolos!
programa dia 20 (1)